Canal INEGA

Suscribirse a canal de noticias Canal INEGA
RSS de las noticias de Inega
Actualizado: hace 2 horas 23 mins

A XUNTA CONFÍA NA CAPACIDADE E POTENCIAL DE GALICIA PARA POSICIONARSE COMO REXIÓN REFERENTE EN XERACIÓN RENOVABLE

Hace 9 horas 13 mins

- A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou nunha xornada en Ourense sobre enerxías limpas na que informou de que o Goberno galego vén de ampliar as axudas destinadas a mellorar a eficiencia enerxética en empresas ata os 31 M€.

Ourense, 27 de outubro de 2021 - A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta mañá en Ourense na xornada Galicia, potencia en enerxías renovables, organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia, APD e Cluergal, na que destacou que Galicia ten capacidade e potencial para posicionarse como rexión referente en xeración renovable, almacenamento e tecnoloxías asociadas.

De feito, Uría lembrou que Galicia é a segunda comunidade en xeración de enerxía eléctrica a partir de fontes renovables e lembrou que desde a Xunta se está a traballar por unha Galicia neutra en carbono en 2050, que sexa eficiente e competitiva, ademais de renovable e sostible. Tamén destacou a aposta do Goberno galego por constituír un polo enerxético innovador.

A directora xeral subliñou que, nun contexto como o actual, marcado polos elevados prezos enerxéticos que están impactando no tecido económico e nos fogares, faise necesario impulsar a xeración eléctrica e o autoconsumo. Neste sentido, a Xunta amosa o seu compromiso con axudas que están tratando de conter a escalada de prezos para apoiar a familias e empresas a facer fronte ás elevadas facturas enerxéticas.

Así, xa está aberta a convocatoria para promover o autoconsumo e o almacenamento no sector empresarial, cunha dotación de 19,8 M€ e, tal e como informou a directora xeral, a Xunta vén de incrementar en 15 M€ máis a liña de axudas de eficiencia enerxética para a industria, que xa contaba con 16 M€ –cos que, ata o de agora, se levan apoiado 40 empresas, cun mobilizado de máis de 50 millóns de euros–. Con estes apoios as industrias poden reducir o consumo, os custos enerxéticos e, polo tanto, mellorar a súa competitividade.

Uría finalizou poñendo en valor o papel das renovables e da aposta pola eficiencia enerxética e a sustentabilidade á hora de impulsar a recuperación económica, o crecemento empresarial e a xeración de emprego.

Categorías: Noticias

A XUNTA ENSALZA O COMPROMISO DE SOTAVENTO NO DESENVOLVEMENTO DAS ENERXÍAS RENOVABLES EN GALICIA A TRAVÉS DA I+D+i E A PEDAGOXÍA

Dom, 10/24/2021 - 21:57

- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe ao 20 aniversario do parque.
- Conde salientou o “frutífero labor” realizado nas instalacións de Xermade, consolidándose como un espazo de experimentación e escaparate dos avances tecnolóxicos que se foron dando no sector eólico e das enerxías limpas.
- A Xunta investirá 6 millóns de euros en proxectos con enerxías renovables en 94 edificios públicos como hospitais, centros de saúde e educativos e albergues.

Xermade (Lugo), 21 de xuño de 2021 - O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe en Xermade aos actos de celebración polo 20 aniversario do parque eólico experimental Sotavento, onde agradeceu a esta entidade o compromiso que ten demostrado durante estas dúas décadas, contribuíndo así ao desenvolvemento das enerxías renovables en Galicia a través da I+D+i, a sensibilización e a pedagoxía.
Conde, que definiu a Sotavento como un “proxecto pioneiro”, púxoo de exemplo de como as administracións públicas poden impulsar proxectos de vangarda a través das enerxías limpas. Así, destacou o “frutífero labor” que ten desenvolvido o parque, consolidándose como un espazo de experimentación e escaparate dos diferentes avances tecnolóxicos que se foron dando no sector eólico e das renovables –facendo referencia a iniciativas como a vivenda bioclimática instalada no recinto–; ao tempo que leva a cabo unha misión pedagóxica e de sensibilización sobre a importancia das enerxías limpas e a eficiencia enerxética.


A este respecto, o vicepresidente económico fixo referencia ao investimento de 6M€ que levará a cabo a Xunta de Galicia en proxectos con enerxías renovables –como a instalación de caldeiras de biomasa ou placas de enerxía fotovoltaica– en 94 edificios públicos, a metade deles no rural galego, entre os que se encontran hospitais, centros de saúde e educativos e albergues.


“Desde a Xunta imos seguir traballando na cultura do aforro e da eficiencia enerxética; temos que seguir impulsando proxectos de enerxías renovables que nos permitan mellorar a competitividade do tecido produtivo e tamén cun impacto para aforrar no recibo da luz ás familias”, sinalou Francisco Conde, ao tempo que insistiu na necesidade de garantir o equilibrio entre desenvolvemento destas enerxías limpas e o respecto ao medio ambiente.


Neste sentido, asegurou que entidades como Sotavento van cobrar moita relevancia no contexto actual de transición ecolóxica, polo que apuntou a que o gran reto agora pasa por consolidar e conseguir un crecemento sustentable desde o punto de vista ambiental, social e económico.

Categorías: Noticias

A XUNTA AVOGA POR TECNOLOXÍAS RENOVABLES COMO A AEROTERMIA PARA AVANZAR NA CULTURA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA

Dom, 10/24/2021 - 21:57

- O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá na xornada ‘Aerotermina-bomba de calor: unha oportunidade para a recuperación verde de Galicia’, organizada pola Confederación de Empresarios da Coruña.

- O Goberno galego destina este ano 14,2 millóns de euros a diferentes liñas de axudas para impulsar a eficiencia enerxética en industrias, empresas, administracións locais e fogares.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021 - O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá por videoconferencia á xornada Aerotermia-Bomba de calor: Unha oportunidade para a recuperación verde en Galicia, organizada pola Confederación de Empresarios da Coruña, onde apostou polo uso desta tecnoloxía para que Galicia poida avanzar na cultura da eficiencia enerxética.

Así, defendeu a importancia de apostar pola autosuficiencia tanto na industria, as empresas e o sector público como nos fogares galegos, facendo referencia á necesidade de acadar os obxectivos de descarbonización e a transicións ecolóxica.

Un feito, o de apostar por enerxías renovables como a aerotermia, que contribúe á recuperación económica, o crecemento empresarial e á xeración de emprego a través da sustentabilidade, tal e como destacou Francisco Conde.

Cabe recordar que a Xunta destina este ano 14,2 millóns de euros para diferentes liñas de axudas que contribúan á eficiencia enerxética. Unha destas liñas está dirixida ao tecido empresarial, entidades sen ánimo de lucro e administracións locais para a instalación de caldeiras de aerotermia, biomasa, xeotermia ou solar térmica –o prazo para presentar solicitudes finaliza o próximo 26 de xuño–. Ademais, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, tamén ten abertas axudas para 60 proxectos de explotacións agropecuarias vinculados á mellora de instalacións de regadío, envolventes térmicas, instalacións de calefacción, ventilación ou iluminación –o prazo de solicitude pecha o 31 de decembro–.

Ambas iniciativas contribuirán a aforrar ao redor de medio millón de euros e 1,25 millóns de litros de gasóleo, ademais de reducir as emisións de CO2 equivalente á plantación de 185.000 árbores, favorecendo o avance nunha economía máis verde e sostible.

Categorías: Noticias

A XUNTA ORGANIZA PRETO DE 60 TALLERES EN DIFERENTES CONCELLOS GALEGOS PARA INFORMAR SOBRE A NOVA TARIFA ELÉCTRICA

Dom, 10/24/2021 - 21:57

- O director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), Manuel Heredia, asistiu esta tarde a unha destas charlas que se levou a cabo no Museo do Moble e da Madeira da Estrada.
- O Goberno galego ten programados un total de 51 talleres presenciais en núcleos urbanos e rurais e sete virtuais en concellos con Oficinas municipais de información ao consumidor ou Aulas Cemit.

A Estrada (Pontevedra), 15 de xuño de 2021.- O director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Manuel Heredia, participou esta tarde no Museo do Moble e da Madeira da Estrada nun taller informativo sobre a nova tarifa eléctrica organizado polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), en colaboración coa Federación Galega de Euroconsumo.


No acto, no que tamén interviñeron a directora técnica da Escola Galega do IGCC, Montserrat Rodríguez, e o técnico especialista en electricidade Andrés Breijo Cotelo, o director de Comercio e Consumo da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, destacou a importancia deste tipo de iniciativas para dar resposta á cidadanía galega ante as posibles dúbidas xeradas polos tramos horarios da nova factura implantada polo Goberno central o pasado 1 de xuño.


Este taller forma parte dunha campaña formativa posta en marcha desde a Vicepresidencia económica, a través do IGCC, para que os consumidores galegos dispoñan da información necesaria para aforrar na factura da luz tendo en conta os tres períodos horarios que contempla a nova tarifa –val, chairo e punta–, nos que o custo da enerxía será máis barata ou máis cara dependendo da hora do día e da semana.


A iniciativa contempla un total de 58 talleres informativos destinados a solucionar as dúbidas relacionadas, por exemplo, coa contratación de potencia ou o novo recibo da luz. Un total de 51 destes talleres serán presenciais, como o desta tarde no concello da Estrada, e levaranse a cabo en zonas tanto urbanas como rurais, esperando chegar a preto de 1.155.000 galegos e galegas. Os sete talleres restantes realizaranse de maneira virtual en aqueles concellos que conten con Oficinas municipais de información ao consumidor (Omic) ou Aulas Cemit.


Ribeira, Vilalba, O Barco, Fisterra, Cuntis, Viana do Bolo e Moraña son algúns dos seguintes concellos nos que o IGCC ten previsto realizar talleres presenciais durante este mes de xuño, aínda que a iniciativa percorrerá diferentes municipios galegos ao longo deste ano.

Campaña inclusiva
Ademais da cidadanía en xeral, o Goberno galego quere trasladar tamén a campaña informativa aos colectivos máis vulnerables. Así, xa iniciou tamén unha serie de charlas baseadas na “resiliencia enerxética”, que se enmarcan dentro dos acordos que o IGCC ten alcanzado con diferentes organizacións e entidades como Cáritas –realizaranse talleres os vindeiros días 22 e 29 de xuño e o 5 de xullo–, Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (Fegaus) e a Once.


Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia reserva este ano 1,6M€ para o bono eléctrico galego para os fogares con menos recursos, unha iniciativa que en 2020 garantiu a subministración eléctrica a preto de 4400 familias.
Dentro desta campaña informativa, o Instituto Galego de Consumo e da Competencia traballa tamén en novos contidos dixitais e interactivos na súa web, onde xa se pode atopar información referida á nova tarifa, e crearase tamén un apartado de preguntas e respostas, así como consellos e boas prácticas para axustar a factura.


O IGCC, ademais das súas oficinas repartidas polas sete grandes cidades de Galicia, conta cun servizo telefónico gratuíto a través do número 900 23 11 23, que funciona de 9 a 14 horas de luns a venres. Os consumidores tamén poden enviar un correo electrónico coas súas dúbidas a través dun formulario que atoparán na web do organismo, onde hai dispoñible a maiores un asistente de reclamacións. Pódese obter máis información e consellos prácticos a través da páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

Categorías: Noticias

A XUNTA ABRE MAÑÁ O PRAZO DE SOLICITUDE DOS NOVOS APOIOS DESTINADOS A FOMENTAR O AUTOCONSUMO E O ALMACENAMENTO ENERXÉTICO NAS EMPRESAS

Mié, 10/20/2021 - 13:37

- A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, interveu, esta mañá, nun webinario informativo sobre estas axudas, financiadas con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, ás que se destinan 19,8M€.
- Prevese unha mobilización de 60M€, así como aforros anuais de 65.000MWh, unha redución de emisións equivalente a 1.150.000 árbores e aforros económicos de 7 millóns de euros ao ano na factura enerxética.
- Asegura que estes apoios serán claves para reducir o impacto dos prezos enerxéticos na competitividade empresarial e para promover a sustentabilidade.
- A directora xeral tamén participou nun webinario sobre minaría sostible no que puxo en valor o esforzo das empresas galegas do sector por conseguir as certificacións en Xestión Mineira Sostible.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021 - A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, interveu, esta mañá, nun webinario organizado polo Inega para informar das novas axudas ao autoconsumo e ao almacenamento enerxético para empresas cuxo prazo de solicitudes abre mañá. Na xornada participaron ao redor de 80 representantes de empresas, clústeres, provedores de servizos enerxéticos, asociacións e entidades públicas e privadas que puideron coñecer de primeira man os detalles desta convocatoria á que se destinan 19,8M€.

A directora xeral destacou a importancia destas axudas no escenario enerxético actual, no que os elevados prezos están tensando a competitividade empresarial e impactando na economía familiar. Por iso, asegurou que esta convocatoria vai ser clave para conter a volatilidade dos prezos enerxéticos e mellorar a sustentabilidade do contorno.

Estas liñas de apoio permitirán impulsar instalacións para autoconsumo, así como o almacenamento. En concreto, poden ser beneficiarios destas axudas as empresas, incluíndo as de servizos enerxéticos; os xestores de polígonos industriais; as persoas xurídicas ou agrupacións de empresas que realicen actividades económicas; as entidades sen ánimo de lucro que realicen actividades económicas; e comunidades enerxéticas locais.

Haberá axudas destinadas tanto ao sector servizos como para outros sectores produtivos para realizar proxectos de autoconsumo con enerxías renovables con ou sen almacenamento (preto de 17,2M€); e apoiarase o almacenamento en instalacións de autoconsumo existentes tanto no sector servizos como noutros sistemas produtivos con 2,6M€.

Con estas axudas, de concorrencia non competitiva e financiadas a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, prevese mobilizar 60M€, conseguir aforros anuais de 65.000 MWh/ano, así como unha redución de emisións de 23.000 toneladas de CO2 ao ano, equivalente á acción de 1.150.000 árbores e aforros económicos anuais de 7M€ nas facturas enerxéticas.

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación dá continuidade ás actuacións que leva anos desenvolvendo tanto para impulsar o uso das enerxías renovables como para fomentar o autoconsumo. Uría lembrou que Galicia traballa por ser neutra en carbono en 2050, constituírse nun polo enerxético innovador, ser eficiente enerxeticamente e competitiva en todos os sectores así como renovable e sostible. “Galicia ten capacidade e potencial para posicionarse como rexión referente no eido da xeración renovable, o almacenamento e as tecnoloxías asociadas”, asegurou.

Minaría sostible

A directora xeral tamén participou nunha xornada sobre formación na xestión da minaría sostible organizada pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, na que lembrou o traballo que se está levando a cabo para que Galicia conte cunha estratexia de minaría sostible.

Neste sentido, defendeu que a Xunta aposta por unha minaría que permita o desenvolvemento industrial ao tempo que é compatible co medio ambiente, que favorece o emprego de calidade e que xera oportunidades económicas e sociais no rural. Obxectivos nos que o Goberno galego agarda contar co sector como aliado para lograr, tamén, a modernización das principais cadeas de valor da industria.

Paula Uría aproveitou a ocasión para poñer en valor o esforzo e compromiso das empresas do sector que están a dar os primeiros pasos para conseguir a certificación na norma en Xestión de Minaría Sostible.

Categorías: Noticias

GALICIA DESTINA 19,8 M€ AO AUTOCONSUMO E ALMACENAMIENTO ENERXÉTICO PARA CONSEGUIR AFORROS ANUAIS DE 7M€ NAS FACTURAS DAS EMPRESAS

Mié, 10/06/2021 - 10:55

- As novas liñas de axuda da Xunta, financiadas con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, abrirán o prazo de presentación de solicitudes o vindeiro 21 de outubro.
- A porcentaxe dos apoios, segundo o tamaño da empresa, do proxecto e da tecnoloxía, irá do 15% ao 65%.
- Prevese unha mobilización de 60M€, así como aforros anuais de 65.000MWh e unha redución de emisións equivalente a 1.150.000 árbores.
- As axudas permitirán que as empresas consigan rebaixar a súa factura eléctrica nun momento na que a escalada de prezos está afectando á competitividade empresarial.

Santiago de Compostela, 6 de outubro - A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas destinadas a fomentar o uso do autoconsumo eléctrico a partir de enerxías renovables, para as que contará cun orzamento de 19,8M€. Dirixida a empresas, esta convocatoria permitiralles aforrar ao redor de 7M€ ao ano nas súas facturas enerxéticas.

Estas liñas de apoio, cuxo prazo de solicitude abrirá o 21 de outubro, impulsarán instalacións de fotovoltaica e eólica para autoconsumo, así como o almacenamento. En concreto, poden ser beneficiarios destas axudas as empresas, incluíndo as de servizos enerxéticos; os xestores de polígonos industriais; as persoas xurídicas ou agrupacións de empresas que realicen actividades económicas; as entidades sen ánimo de lucro que realicen actividades económicas; e comunidades enerxéticas locais.

Haberá unha liña destinada ao sector servizos para realizar proxectos de fotovoltaica (5,3M€) e eólica (280.000 euros), ambas as dúas con ou sen almacenamento; unha segunda para outros sectores produtivos que contará con 11M€ para fotovoltaica e 580.000 euros para eólica, tamén con ou sen almacenamento; e por último, apoiarase o almacenamento en instalacións de autoconsumo existentes tanto no sector servizos como noutros sistemas produtivos con 2,6M€.

As axudas, de concorrencia non competitiva e financiadas a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, contarán cunha porcentaxe que oscilará do 15 ou 65% en función do tamaño da empresa, do tamaño do proxecto e da tecnoloxía.

Grazas a estes apoios, agárdase mobilizar 60M€, conseguir aforros anuais de 65.000 MWh/ano, así como unha redución de emisións de 23.000 toneladas de CO2 ao ano, equivalente á acción de 1.150.000 árbores. Ademais, a redución dos custos enerxéticos das empresas contribuirán á reactivación económica e á mellora da súa competitividade, nun momento no que a escalada de prezos está dificultando que moitas empresas poidan facer fronte á factura eléctrica. Á vez, o uso das enerxías renovables permitirá unha mellora ambiental e da calidade de vida da sociedade.

Con estas axudas, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación dá continuidade ás actuacións que leva anos desenvolvendo tanto para impulsar o uso das enerxías renovables como para fomentar o autoconsumo. De feito, este ano activáronse 15,85M€ en liñas de apoios destinadas tanto aos fogares, como ás empresas e administracións, ás que se suma esta nova convocatoria plurianual que se desenvolverá entre 2021 e 2024.

Categorías: Noticias

A XUNTA DESTACA A OPORTUNIDADE QUE SUPÓN O HIDRÓXENO VERDE PARA ABORDAR OS DESAFÍOS DA TRANSICIÓN DIXITAL E ENERXÉTICA EN GALICIA

Jue, 09/23/2021 - 13:50

- A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta mañá en Ferrol na xornada Hidróxeno verde en Galicia.
- Subliña que a candidatura galega aos fondos europeos Next Generation centra un dos seus obxectivos na produción desta tecnoloxía renovable, peza clave na descarbonización e a reactivación económica.

Ferrol,  23 de setembro de 2021.- A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta mañá no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol na inauguración da xornada Hidróxeno verde en Galicia, organizada polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal). Durante a súa intervención, destacou a oportunidade que ten nestes momentos a Comunidade para poder abordar os desafíos da transición dixital e enerxética, co hidróxeno como vector clave desa transformación.


“Unha oportunidade para lograr a reactivación económica e a reindustrialización, sobre todo nunha comarca como Ferrolterra, así como para a creación de novos empregos e a contribución á cohesión social e territorial”, sinalou Uría.


Neste contexto, a directora xeral asegurou que o hidróxeno verde se presenta como unha peza clave para a descarbonización, permitindo desenvolver toda a cadea de valor no sector industrial –desde a xeración de I+D+i ata a fabricación de compoñentes–. “Desde a Xunta estamos a traballar activamente para constituír a Galicia como un polo enerxético innovador no que o vector hidróxeno vai ser fundamental e un dos piares básicos para o desenvolvemento da transformación enerxética da Comunidade”, manifestou.


Así, fixo referencia a que a candidatura que presenta Galicia aos fondos europeos Next Generation centra un dos seus obxectivos na produción de hidróxeno renovable. Precisamente, a Xunta está a coñecer as iniciativas relativas a esta tecnoloxía a través da manifestación de interese convocada este ano polo Goberno galego para identificar os potenciais usos desta tecnoloxía en Galicia e liderar así o seu despegue en España.


“Temos por diante grandes oportunidades e grandes retos”, manifestou Paula Uría, ao mesmo tempo que avogou pola necesidade de seguir traballando en consonancia cos obxectivos europeos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro para avanzar cara unha economía verde, un obxectivo no que a colaboración público-privada será fundamental.

Categorías: Noticias

A XUNTA ABRE O PRAZO DE SOLICITUDES PARA AS EMPRESAS DE VENTA DE VEHÍCULOS ELÉCTRICOS E AS DE IMPLANTACIÓN DE INFRAESTRUTURAS DE RECARGA QUE QUEIRAN COLABORAR CO PROGRAMA MOVES III

Jue, 08/05/2021 - 14:01

 - Os concesionarios e instaladores poderán presentar as súas peticións de adhesión como entidades colaboradoras a partir de mañá, venres 6 de agosto.
- Os particulares, comunidades de propietarios, autónomos, empresas e entidades locais poderán solicitar as axudas do programa a partir do 13 de setembro, que se concederán por orde de chegada.
- Os apoios para a compra de automóbiles poderán acadar os 9000 euros e nesta convocatoria duplícase ata o 80% a porcentaxe máxima de axudas para a instalación de puntos de recarga.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2021.- A Xunta ven publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación da convocatoria de axudas para o período 2021-2023 do Moves III, o programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica que contará cun total de 22,7M€ –o Goberno galego destinará 4,4 millóns para desenvolver proxectos propios neste eido–. Así, mañá, venres 6 de agosto, abre o prazo para que concesionarios, no caso de adquisición de automóbiles, e empresas instaladoras de baixa tensión para a implantación de infraestruturas de recarga presenten as súas solicitudes como entidades colaboradoras.

Estas axudas, xestionadas pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), diríxense a particulares, comunidades de propietarios, empresas e entidades locais que poderán presentar as súas solicitudes a partir do 13 de setembro deste ano e ata o 31 de decembro de 2023 ou ata que se esgote o crédito, xa que se trata dunha convocatoria de concorrencia non competitiva.

A principal novidade desta convocatoria con respecto ás anteriores é que haberá dúas únicas liñas. A primeira delas ten como obxectivo fomentar a adquisición de vehículos eléctricos, híbridos enchufables ou de pila de combustible. Neste caso, as axudas oscilarán entre os 700 e os 9000 euros por automóbil en función do tipo de solicitante, características do vehículo ou uso, entre outras cuestións. Así, a compra de motocicletas e cuadriciclos apoiarase con axudas de ata 2000 euros; os turismos recibirán ata 7000 euros; e as furgonetas poden chegar aos 9000 euros. Os particulares só poderán dispoñer de apoios para a compra dun vehículo, mentres que o resto de beneficiarios –entre os que se encontran autónomos e pemes– poden solicitar ata 50 por ano –fronte os 30 de límite na anterior edición–.

A segunda liña do Moves III diríxese á implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, con axudas de entre o 30% e o 80% do custo subvencionable en función do tipo de solicitante, potencia, ou localización en concellos de menos de 5000 habitantes. Deste xeito, a axuda máxima duplícase con respecto a anteriores convocatorias, onde era do 40%.

Con estes apoios, a Xunta de Galicia agarda mobilizar 98M€, favorecer un aforro económico anual de 2,3 millóns nos custos de combustible e conseguir unha redución de CO2 equivalente a plantar 186.000 árbores.

Deste xeito, as axudas contribuirán a seguir avanzando na descarbonización do transporte, reducir os custos enerxéticos dos propietarios de vehículos e fomentar unha rede pública e privada de puntos de recarga.

As dúas convocatorias anteriores do programa Moves xa permitiron destinar preto de 6M€ para apoiar un total de mil proxectos de mobilidade eléctrica. A maiores, grazas ás axudas dos Plans de transición a unha mobilidade eficiente promovidos pola Xunta de Galicia, facilitouse a adquisición de 750 vehículos de baixo consumo e baixas emisións.

Categorías: Noticias

A XUNTA PON EN MARCHA O TERCEIRO PLAN MOVES, DOTADO CON PRETO DE 32 MILLÓNS DE EUROS, PARA A COMPRA DE VEHÍCULOS ELÉCTRICOS E A INSTALACIÓN DE PUNTOS DE RECARGA

Jue, 07/29/2021 - 14:06

- O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, precisa que estas axudas están dirixidas a particulares, comunidades de propietarios, empresas, entidades locais e administracións públicas.
- Destaca que as previsións tras a execución do plan prevén mobilizar preto de 98 millóns de euros, un aforro económico de 2,3 millóns anuais en custos de combustible e unha redución do CO2 equivalente a 186.000 árbores.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2021 - O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a posta en marcha do terceiro Plan Moves, o programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica xestionado polas comunidades autónomas, que contará cun total de 22,7 millóns de euros para a compra de vehículos eléctricos e a instalación de puntos de recarga.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que as axudas estarán dirixidas a particulares, comunidades de propietarios, empresas, entidades locais e administracións públicas, incluída a Xunta de Galicia. Todos eles poderán solicitalas a partir do 13 de setembro, momento a partir do cal iranse adxudicando os apoios segundo orde de chegada ata que finalice o prazo, o último día de 2023. O presidente da Xunta remarcou que as axudas estarán dispoñibles ata que se esgote o crédito do plan, podendo finalizar este antes do prazo previsto.

Así mesmo, as solicitudes tramitaranse a través das entidades colaboradoras, que son os concesionarios, para a compra dos vehículos; e os instaladores de baixa tensión, para implantar os puntos de recarga.

Segundo explicou o titular da Xunta a previsión é mobilizar ao abeiro deste plan 98 millóns de euros; xerar un aforro económico de 2,3 millóns anuais en custos de combustible; do cal un aforro de 1,3 millóns litros correspondería a gasóleo; e unha redución do CO2 equivalente a 186.000 árbores.

Como novidades, Feijóo resaltou que haberá só dúas liñas de axudas. A primeira estará centrada na adquisición dos vehículos eléctricos, híbridos enchufables ou de pila de combustible; e as contías situaranse entre os 700 € e os 9.000 € por unidade en función do solicitante ou as características do vehículos, entre outros.

Así, se se teñen en conta os límites máximos das axudas, estes serían de ata 2.000 € nas motocicletas ou cuadriciclos; de ata 7.000 € nos turismos; e de ata 9.000 € para furgonetas. “Estos máximos son no caso de achatarramento do vehículo que se entrega, sendo menor a contía da axuda en caso de non contar co achatarramento do vehículo anterior, por compra dun automóbil novo, ou por non entregar o vehículo no concesionario”, explicou Feijóo.

No tocante á segunda liña, avanzou que esta porá o foco na instalación de infraestruturas de recarga, con axudas de entre 30% e 80% do custo, unha porcentaxe que se determinará en función do orzamento dispoñible. Neste caso particular, a axuda máxima duplícase con respecto ás anteriores convocatorias, cando era do 40%.

En referencia ás posibilidades que ofrece este plan ás rendas medias e baixas, Alberto Núñez Feijóo matizou a súa postura ao respecto. “Imos ver se este plan funciona, xa que é unha cuestión discutible que esteamos ofrecendo ata 9.000 euros por adquirir un vehículo eléctrico, sen límite de prezo, e non esteamos retirando das estradas aqueles automóbiles de máis de 12 anos. Deberíamos repensar este tipo de política si realmente buscamos incentivar a compra de vehículos e diminuír o nivel de CO2”, sentenciou.

Categorías: Noticias

A XUNTA AVALÍA CO SECTOR PESQUEIRO E INDUSTRIAL OS PLANS DE ORDENACIÓN DO ESPAZO MARÍTIMO ANTES DE PRESENTAR AO GOBERNO AS SÚAS ALEGACIÓNS SOBRE O DESENVOLVEMENTO FUTURO DA EÓLICA MARIÑA

Mié, 07/28/2021 - 18:14

- O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron esta tarde na reunión do pleno do Observatorio da eólica mariña.
- O Observatorio contará cunha páxina web onde se recolla a súa actividade, unha ferramenta para favorecer a participación e o diálogo aberto.
- O Goberno galego aposta polo consenso e a transparencia con todos os actores implicados para que calquera proxecto que se aprobe no mar sexa compatible coas actividades marítimo-pesqueiras e respecte o medio ambiente e as costas galegas.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2021 - O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron esta tarde en Santiago de Compostela nunha reunión do pleno do Observatorio da eólica mariña, o instrumento posto en marcha pola Xunta de Galicia o pasado mes de xuño para identificar oportunidades e analizar o impacto que suporía a instalación de parques eólicos mariños nas costas galegas, da man do sector industrial, o marítimo-pesqueiro e as entidades e organizacións vinculadas.


Así, o encontro de hoxe serviu para seguir fortalecendo o diálogo e a colaboración entre administracións e axentes implicados, a través da avaliación conxunta dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) –a súa consulta pública permanecerá aberta ata setembro– co obxectivo de que as propostas que a Xunta envíe ao Goberno sexan as que mellor representan a posición de Galicia. A Xunta, tal e como sinalou Francisco Conde, mantén a súa defensa de integrar obxectivos ecolóxicos, económicos e sociais á hora de desenvolver calquera proxecto vinculado coa eólica mariña.


Neste sentido, a conselleira do Mar destacou que calquera proxecto que se aprobe no mar debe ser compatible coas actividades marítimo-pesqueiras xa existentes e respectar a protección do medio ambiente e das costas galegas

.
Rosa Quintana asegurou que a vontade do Executivo galego é apostar polo consenso e a transparencia con todos os actores do sector marítimo-pesqueiro para impulsar na medida do posible o desenvolvemento da Economía Azul e das actividades vencelladas co mar.
Así, o vicepresidente económico sinalou que o Observatorio vai contar cunha páxina web onde se recolla toda a súa actividade, unha ferramenta que sirve de exemplo da aposta de Galicia pola participación, o diálogo aberto e a transparencia para conseguir que o desenvolvemento da eólica mariña se faga desde o equilibrio, a compatibilidade e a sustentabilidade.

Grupos de traballo

O Observatorio está formado por representantes da Xunta (membros da Vicepresidencia segunda e das consellerías do Mar e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda); da industria –Asime– e do sector pesqueiro –tanto das confrarías como do Consello Galego de Pesca–.
Trala súa constitución o pasado 9 de xuño, establecéronse tres grupos de traballo: un para a planificación e normativa –centrado na análise dos POEM–; outro baseado na tecnoloxía e innovación; e un terceiro que se dedicará á área de impacto social.

Categorías: Noticias